A Laracha disporá dun Skatepark para ofrecer unha alternativa de ocio vinculada ao deporte

Infraestruturas deportivas
Manuel Lavandeira
O alcalde, José Manuel López, no centro, firmando o contrato cos representantes da empresa e o edil de Obras, á dereita. Foto: C. L.

A Laracha. O Concello formalizou o contrato de construción do parque de patinaxe Skatepark coa empresa Zona de Obras O Rosal S.L. Nos próximos días comezarán as obras, nas que investirán 155.000 euros de fondos propios municipais coa finalidade de ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil.

O lugar escollido para habilitar este novo equipamento é na parte posterior do IES Agra de Leborís, onde o Concello está a crear una nova área deportiva de referencia na capital municipal, xa que este lugar dispón dunha pista polideportiva de recente construción.

O Skatepark disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que o proxecto contempla as canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista. M. Lavandeira