A Laracha inicia a mellora do complexo deportivo municipal

Realizaranse traballos no polideportivo e nas pistas de pádel cun investimento de 80.000 euros
Obras
Redacción WEB
Visita do rexedor larachés e do edil, José Ramón Martínez Barbeito ás intervencións nas pistas de pádel. Foto: C. da Laracha.

A Laracha. Xa están en marcha as obras de mellora do pavillón e das pistas de pádel do complexo deportivo da Laracha. As actuacións comezaron a desenvolverse nas pistas de pádel, onde as obras proxectadas teñen unha triple finalidade. Por unha parte está a renovación do firme, contemplando tanto a reparación da soleira coa aplicación dun morteiro de resinas como a substitución do céspede artificial. Ademais, será ampliada a fachada de chapa que pecha as pistas pola súa parte superior, de maneira que se impidirá o paso da choiva e do vento ao interior, aumentando por tanto a comodidade dos usuarios durante o xogo. O terceiro obxectivo é aumentar a eficiencia enerxética, para o que será cambiado o sistema de iluminación existente por novos proxectores LED aptos para exteriores.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, acudiron a semana pasada ao complexo deportivo para supervisar o inicio da execución dos traballos.

A segunda intervención prevista terá por finalidade a conservación e mantemento do pavillón municipal. Así, renovarase a cuberta e os canalóns, incluíndo tamén o pintado dos muros tanto no exterior como no interior do polideportivo.

O investimento total será de 80.000 euros, dos cales 55.000 euros proveñen de fondos propios municipais e os outros 25.000 serán financiados pola Secretaría Xeral Para o Deporte da Xunta de Galicia.