A Laracha recupera 42 topónimos nas parroquias de Vilaño e Cabovilaño

Nos vindeiros días instalarán as placas coa numeración definitiva de preto de mil vivendas
Urbanismo
Manuel Lavandeira
Modelo das novas placas de numeración de vivendas, neste caso nunha do núcleo de Alvite, en Caión. Foto: Concello da Laracha

O Concello iniciará nos próximos días os traballos de instalación das placas coa numeración definitiva nas preto de mil vivendas situadas nas parroquias de Vilaño e Cabovilaño. En cada casa será colocado un indicador no que se identifica a parroquia, o núcleo exacto e o número definitivo no padrón municipal.

A instalación destas placas trátase da parte final da iniciativa impulsada polo goberno local e dirixida a recuperar a totalidade dos topónimos, o que tamén implica unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento antigo (anos 90) que era máis óptimo e acorde ao correcto emprazamento de cada casa, e o reempadronamento dos veciños nos núcleos afectados.

Ademais, posibilitará manter unha uniformidade nos indicadores ao longo de todo o termo municipal. En concreto, finalmente serán 18 tóponimos os que se recuperan na parroquia de Vilaño (A Lamela, A Barreira, As Fervenzas, Fornelos, O Seixo, Samiro, Vista Alegre, As Avieiras, As Brañas da Viña, O Reigoso, Padrón, A Piña, Vilanova, O Pereiro, As Calzadas, A Telleira, O Pino e Bos Aires) e 24 na parroquia de Cabovilaño (O Agriño, O Cancelo de Arriba, O Cancelo do Medio, O Cancelo de Abaixo, O Chamusco, A Bragueixa, O Piñeiro, A Cacharra, A Torre, A Vixía, As Abeleiras, A Casanova, O Cuartel, O Salgueiral, O Vilar, O Carredo, O Castro, Os Mouriños, Trasande, Fermelle, A Fraga, As Ribas, A Barreira e A Costa).

Este proxecto xa se desenvolveu nas parroquias de Caión, Coiro e Montemaior. Despois de Vilaño e Cabovilaño, as seguintes parroquias serán Torás e Lestón. Posteriormente realizarase nas restantes: Lemaio, Erboedo, Golmar, Soutullo, Soandres e Lendo.