A Laracha suma trece empregados durante os próximos sete meses

Nove peóns, dous capataces e outras tantas traballadoras de servizos xerais foron contratados ao amparo do PEL-Concellos Reactiva
Emprego
Manuel Lavandeira
José Ramón Martínez, esquerda, José Manuel López, e Rocío López na recepción aos novos traballadores. Foto: C. L.

O próximo luns comezarán a realizar o seu labor no Concello larachés as trece persoas que foron contratadas no marco do programa de integración laboral PEL-Concellos Reactiva 2021 impulsado pola Deputación da Coruña. Son nove peóns, dous capataces e dúas traballadoras como persoal de servizos xerais os que se incorporarán á plantilla municipal durante os próximos sete meses.

Os capataces e peóns formarán cuadrillas de obras e servizos e encargaranse de actuacións como o mantemento de infraestruturas públicas, colocación de sinalización, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, conservación medioambiental, limpeza viaria, apoio loxístico aos servizos municipais e vixilancia do cumprimento das medidas de prevención ante a COVID. O persoal de servizos xerais desenvolverá principalmente traballos de índole administrativa.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Rocío López déronlles a benvida nun acto desenvolvido na casa da cultura.