A oposición e os díscolos de Ponteceso rexeitan de novo a modificación de crédito proposta polo alcalde

Política municipal
Manuel Lavandeira
Momento dunha sesión plenaria anterior da Corporación de Ponteceso

Ponteceso. A Corporación de Ponteceso volveu rexeitar, por segunda vez e co apoio dos edís díscolos do goberno (PSOE), a proposta de modificación de crédito feita polo alcalde, Lois García, por valor duns 300.000 euros, dos cales algo máis de 100.000 ían ser adicados a pagar facturas aos proveedores locais.

O rexedor, que só contou co respaldo das dúas concelleiras de goberno que o seguen apoiando (dos oito que forman o grupo socialista), suplicou aos edís da oposición (PP e APIN) que, alomenos, se abstivesen, ofrecéndose mesmo a pedirllo de xeonllos, pero as súas súplicas non foron atendidas.

O portavoz do PP acusou ao alcalde de “vir, por segunda vez, coa mesma proposta e sen falar con ninguén para tentar buscar unha alternativa”, e de pretender que a oposición avale unha modificiación crediticia “cun informe desfavorable de Intervención”. O seu homólogo de APIN foi máis aló e afirmou que “o problema é vostede; marche e ao día seguinte o problema solucionarase”, ao que lle respostou o alcalde sinalando que “iso demostra que o seu posicionamento é unha extratexia política, e non lles interesa que os empresarios poidan cobrar”.

A pesares deste novo revés, Lois García afirmou que “máis aló da irresponsabilidade dos políticos locais, os empresarios van cobrar, aínda que tardarán 7 ou 8 meses”. Afirmou que adicarán parte dos fondos do POS-2021 a pagar as facturas. M. LAVANDEIRA