A praia dos Cristais de Laxe, un exemplo único de que o mar devolve todo o que lle lanzamos

En lugar de area ten millóns de trozos de cristais de todas as cores // Converteuse nun atractivo turístico para o municipio
Turismo
Lorena Rey
Vista da pequena praia dos Cristais en Laxe. Foto: Concello de Laxe

A praia dos Cristais converteuse nos últimos anos nun dos principais reclamos turísticos de Laxe, a pesar do seu tamaño reducido e o lugar tan escondido no que se atopa.

A praia dos Cristais é unha pequena cala situada baixo o cementerio de Laxe, non apta para o baño pola bravura do mar, que en lugar de area ten millóns de trozos de cristais pulidos e redondeados polo mar. A razón de ser desta praia é que se atopaba ao lado do antigo vertedoiro de Laxe clausurado, e o mar arrastraba as botellas e outros recipientes que se tiraban alí, pulíaas e recortábaas depositando os seus restos no lugar.

Estamos ante un claro exemplo de que a natureza se defende das múltiples agresións ás que a sometemos sorprendéndonos cunha paisaxe única: unha praia entre acantilados con cristais de todas as cores e pequenas cunchas.

Actualmente o que era contaminación converteuse en atractivo turístico, e surxiron lendas de non se sabe onde que explican a súa orixe nunha fábrica de vidros antiga, algo “totalmente falso” segundo indican dende o Concello.

Situada ao norte do Cabo de Laxe, na enseada de Baleeira, recibiu antigamente o nome dos “Botiños”, pois toda a zona era frecuentada por diversos cetáceos mariños.

A Xunta de Galicia comezou a súa limpeza no 2004 pero, ante a presión dos veciños e veciñas e das asociacións medioambientais, a actividade paralizouse. Retiraron do lugar unha notable cantidade de cristais que agora é imposible restituír. Neste sentido, non está permitido levar as pedriñas. Ao chegar ao lugar moitos poden caer na tentación pero se cada persoa que pasara por alí decidira levar algunha chegaría un momento en que este capricho da natureza acabaría desaparecndo. Así que, como di o dito: “mírase pero non se toca”.

Pese a estar escondida moitos visitantes de todas as partes da comunidade galega acércanse ao lugar. A pesar da explicación algúns non entenden como pode conservarse a día de hoxe algo así. A solución está en acercarse ao lugar e sorprenderse.