Accidente mortal en Carballo

Unha persoa faleceu nun sinistro ocorrido pouco antes da medianoite na estrada de Malpica, á altura de Cances
Tráfico
Manuel Lavandeira
Os equipos sanitarios do 061 non puideron facer nada por salvarlle a vida ó accidentado

Unha persoa perdeu a vida nun accidente de tráfico, ocorrido a pasada noite no municipio de Carballo, segundo informa o 112 Galicia, que recibiu varias chamadas ás 23:45 horas que alertaban dun sinistro no punto quilométrico 3 da estrada comarcal AC-418, que une a capital de Bergantiños con Malpica, á altura de Cances.

Os alertantes afirmaron que o corpo dunha persoa estaba tendido na calzada. De contado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) informouse aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos Bombeiros e membros de Protección Civil da localidade coruñesa. Ademais, tamén se lle notificaron os datos ao persoal de mantemento da vía.

Unha vez no lugar, o persoal sanitario tan só puido confirmar o falecemento da persoa.