Acondicionado o areal de Rebordelo

Praias
Manuel Lavandeira
Traballos de acondicionamento da praia. Foto: C. Cabana

CABANA. O Concello cabanés acondicionou a praia de Rebordelo, en Canduas, que quedou preparada para acoller usuarios e usuarias este verán. Retiraron residuos e vexetación, e limparon toda a zona. Do mesmo xeito, dispúxose maquinaria para repoñer e redistribuír a area de xeito homoxéneo.

O obxectivo da intervención é manter nas mellores condicións posibles os recintos públicos de cara o verán, unha época na que “xa se comeza a notar a afluencia de visitantes no municipio atraídos polas nosas praias e o noso entorno natural”, explicaron desde o goberno local. Neste sentido, sinalaron que “se seguirán a executar melloras para que tanto a veciñanza como os turistas encontren Cabana tal e como é: un lugar para visitar e tamén para quedarse”.

“O noso valioso patrimonio histórico, como o dolmen de Dombate ou o Castro de Borneiro, serán tamén escenarios para actividades culturais durante a época estival”, engadiron.