Acordo para rehabilitar o centro sociocultural da vila oleira de Buño

O obxectivo é mellorar a distribución, ademais de crear novos servizos e facelo máis accesible
Proxectos
Manuel Lavandeira
Walter Pardo, esquerda, e Valentín González, durante a xuntanza que mantiveron o xoves. Foto: Concello de Malpica

Malpica. O alcalde de Malpica, Walter Pardo, presentoulle onte ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, o proxecto para a rehabilitación do centro sociocultural de Buño.

A idea, segundo o rexedor, é acometer unha reforma integral do inmoble, “que xa conta con 50 anos e necesita unha mellora nas súas prestacións”. O obxectivo é renovar o edificio para ofrecer unha mellor distribución do espazo, habilitar novos servizos e facelo máis accesible. “Con iso acadarase maior funcionalidade e máis posibilidades de acoller actividades”, sinalou Pardo ao respecto.

Asegura que este centro constitúe o principal punto de encontro e de desenvolvemento de actividades para a cidadanía da parroquia. “É o centro de referencia de Buño e por iso queremos impulsar a súa modernización”, apunta o alcalde, quen agradece a “total disposición” que atopa sempre no presidente da Deputación coruñesa.

“O arranxo do inmoble é esencial para que Buño dispoña dun espazo para unha programación continuada de actos”, engade. Lembra o primeiro edil que este edificio foi pasando por diferentes usos na súa historia, como un teleclub, un centro médico e lugar de actividades deportivas e de reunión. M. LAVANDEIRA