Adxudicada a senda peonil de Valenza a Castrobó, en Coristanco

Mobilidade
Manuel Lavandeira
Tramo punteado polo que discorrerá a nova senda peonil. Foto: Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A., por un importe de máis de 30.000 euros, as obras de construción dunha senda na estrada AC-421, entre Valenza e Castrobó, no concello de Coristanco. As obras comezarán nas vindeiras semanas.

Con esta actuación búscase mellorar a accesibilidade dos veciños do núcleo urbano de Valenza, onde viven persoas con mobilidade reducida que a día de hoxe teñen difícil o acceso ao centro urbano de Castrobó, onde se atopan os servizos principais da zona. A intervención permitirá configurar un espazo para o tránsito seguro de peóns con zonas reservadas ao longo do treito situado entre os puntos quilométricos 5+440 e 5+630 da estrada AC-421. A senda enlazará coa beirarrúa actual na marxe esquerda da estrada a partir do punto quilométrico 5+630.

A execución do novo itinerario peonil comezará polos traballos de limpeza, despexe, roza e escavación do terreo, para posteriormente habilitar a senda con bordo e o estendido de formigón coloreado. Na intervención inclúese a mellora da rede de pluviais con rígola prefabricada de formigón e bordo e paso salvacunetas.