Afaber, preto de vinte anos prestando apoio a enfermos de alzhéimer de Bergantiños e aos seus familiares

Benefícianse dos seus servizos 37 usuarios e usuarias // Só se pode traballar con grupos de máximo seis persoas // Un dos seus fins é concienciar á xente nova sobre esta doenza
Alzheimer
Lorena Rey
Jesús Villar, presidente de Afaber na entrada do local da entidade, en Carballo. Foto: Afaber.

Na actualidade hai en Galicia un total de 15 asociacións que prestan todo tipo de servizos tanto para as persoas cunha demencia neurodexenerativa como para os seus familiares. Ademais, tamén inclúen programas de prevención e detención precoz en persoas sans. Afaber (Asociación de Familias de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños) é unha delas.

Toca remontarse ao ano 2011, momento no que dúas psicólogas e unha traballadora social do Concello de Carballo se unen para organizar reunións con persoas que tiñan familiares enfermos de alzhéimer. Naquel momento non había ningunha entidade na zona de Bergantiños que cubrira as necesidades destas persoas, que xa comenzaban a demandar atención. Co paso dos meses a situación foi progresando e chegou o momento de levar a cabo unhas eleccións das que sairía presidente Jesús Manuel Villar. “Agora vaise coñecendo pero antes era unha enfermidade tabú. A xente que tiña familia con alzhéimer non o dicía, e a xente do rural segue a mostrar ese comportamento remiso”, afirma o presidente.

Nun primeiro momento fixeron presentacións por diversos Concellos e entidades cercanas para concienciar á sociedade do que é a enfermidade e do que se faría con estas persoas. Hoxe en día atenden á comarca de Bergantiños e a zona de Santa Comba, sumando xa 180 familias asociadas. Parte da Costa da Morte, concretamente Fisterra e Soneira, dispón deste servizo a través de Afafes, en Cee. As quince asociacións que conforman a Federación Alzheimer Galicia están incluídas así mesmo dentro da Confederación Española de Alzheimer. Fai anos só se incluía a enfermidade do Alzheimer pero agora nos novos estatutos tamén entran novas demencias.

O DÍA A DÍA NA ENTIDADE. Dispoñen dun centro terapéutico no que se levan a cabo diversas actividades diariamente. Os membros da directiva solicitan un espazo máis amplo para poder asumir con efectividade a demanda de servizos. “Temos uns 120 metros cadrados. O Concello de Carballo comprometeuse a facernos un local máis amplo pero a COVID estanos retrasando todo”, afirma Villar. Trinta e sete persoas acoden na actualidade á entidade, repartidas en grupos de máximo seis persoas polas mañás ou ben polas tardes. “Estamos facendo malabarismos para atender aos usuarios como mínimo dos días á semana”, destaca.

Para os familiares e coidadores de persoas con demecia hai unha serie de programas de apoio e formación. Entre outros, ofrécense cursos de novas terapias ou de memoria e fanse grupos de apoio psicolóxico onde se xuntan as familias para comentar as súas vivencias, que tamén se pode facer de xeito individualizado na consulta da psicóloga. “Se temos un enfermo de alzhéimer e o coidador non está sa psicoloxicamente, fisicamente e moralmente pasaremos a ter dous enfermos”, comenta.

Para cubrir todas estas actividades contan con dúas terapeutas ocupacionais, unha auxiliar de enfermaría, unha psicóloga e unha logopeda. A estas cinco persoas contratadas súmanse outra psicóloga que teñen de man dende os inicios e a maiores, unha fisioterapeuta e un avogado.

SERVIZO ESENCIAL. Por parte da Federación galega solicitan que sexan recoñecidos como un servizo esencial. Tras meses de confinamento, Afaber tiña todo preparado para reanudar os servizos o 1 de setembro pero ao pechar a área sanitaria de Coruña e Cee non foi posible abrir as portas ata outubro. “Hai que ter en conta que se non se atende unha persoa cunha demencia leve pasará en pouco tempo a estar grave”, di Villar. Tras incorporarse comezaron con atención individualizada xa que así o marcaba o protocolo de Sanidade. Hoxe en día sitúanse na segunda fase, que establece un máximo de seis persoas por grupo. “Estamos mirando o mapa continuamente para ver se hai cambios. O propósito é non volver cara atrás”, engade.

VINTE ANOS DE HISTORIA. Para o 2021 a entidade celebra o 20 aniversario e o obxectivo é desprazarse por todos os institutos da comarca bergantiñá mostrando un vídeo no que se explique quen son e que fan. “A COVID estanos cerrando moitas portas e case non programamos nada porque non sabemos como imos estar o ano que ven”, confirma. Un dos fins de Afaber radica en inculcarlle o significado desta doenza aos máis pequenos/as para que “calquera sepa como tratar a un avó ou avoa con alzhéimer”.