Alumnos do colexio Fogar exerceron de gobernantes de Carballo por un día

Visita
Manuel Lavandeira
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Lois Lamas, cos alumnos do CEIP Fogar no salón de plenos. Foto: C. C.

Os alumnos de 2º de primaria do CEIP Fogar convertéronse en gobernantes de Carballo por un día. Tras o proceso electoral celebrado no colexio, a alcaldesa Marta e as súas concelleiras ocuparon a zona presidencial do salón de plenos e compartiron responsabilidades de goberno con Evencio Ferrero e Luis Lamas durante unha sesión moi animada e participativa.

Marta agradeceu a axuda dos seus compañeiros e compañeiras de candidatura para preparar a campaña que lle permitiu gañar as eleccións, e o alcalde aproveitou para pedirlle consello de cara aos vindeiros comicios municipais.

A rapazada de segundo está empezando a coñecer a administración municipal nas aulas e tamén na propia casa consistorial, onde, ademais do interrogatorio de rigor ao alcalde sobre cuestións de todo tipo, realizaron unha pequena excursión polas instalacións municipais que incluíu a Oficina Técnica, o servizo de informática, a Policía Local e a Policía Nacional.

Os 82 nenos e nenas marcharon coa materia ben aprendida e cun agasallo colgado no lombo: unha mochila co skyline de Carballo que contiña un libro dos Bolechas.