Ángel Carracedo pecha o programa educativo do colectivo Aloumiños

Disertará este venres sobre as enfermidades raras nunha charla que será a través da rede
Diversidade
Manuel Lavandeira
Ángel Carracedo pechará o programa educativo da Asociación Aloumiños.

Carballo. A Asociación de Persoas con Necesidades Específicas da Costa da Morte, Aloumiños, pechará este venres, día 26 de febreiro, a quinta edición do Programa de Educación Familiar, cunha conferencia sobre as enfermidades raras a cargo do doutor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e membro do Comité do CIBER de Enfermidades Raras.

Carracedo ten publicados oito libros e máis de oitocentos artigos en revistas internacionais. As súas principais liñas de investigación inclúen a xenética do cancro e das enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica e distintas conferencias e actos relacionados coa diversidade.

Este ano, debido á situación derivada do COVID, Aloumiños optou por poñer en marcha un proxecto renovado, de forma online. Por iso, os interesados en seguir a conferencia deberán cumplimentar un formulario para poder recibir o enlace á mesma. Poden cubrilo a través do enlace https://docs.google.com/form.

Este último programa formativo contou con oito conferencias a cargo de especialistas en diversidade. M. L.