Aprendendo a manexar soutos na Laracha

Sector forestal
Manuel Lavandeira
Participantes na segunda xornada do curso sobre planificación de plantacións de castiñeiro. Foto: Concello da Laracha

Este martes tivo lugar na Laracha a segunda das tres xornadas do curso formativo sobre a planificación, deseño, manexo e coidados das plantacións de castiñeiro de froito, á que asistiron quince persoas.

Foi impartida por persoal técnico do Centro Agroforestal de Riós en colaboración coa Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Os contidos da sesión xiraron en torno a cuestións relativas ao manexo dos terreos poboados por castiñeiros. Expuxéronse temas como o enxertado, os diferentes tipos de poda e a mellor maneira de facela, rega, abonado, mantemento do solo e a mecanización para a recollida das castañas.

O 4 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar a última xornada, centrada nas pragas e doenzas do castiñeiro. Exporanse as principais ameazas para esta variedade de árbores e os modos de actuar para combatelas.

A inscrición permanece aberta, é gratuíta e debe formalizarse no Concello. Cada acción formativa é independente. Estas xornadas van dirixidas especialmente a tres colectivos: produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria e desempregados.