Asignado na Laracha o novo contrato de asesoría xurídica do Centro de Información ás Mulleres

Osventos Innovación en Servizos S.L. é a adxudicataria por un período de catro anos // O Concello adherirase ao programa de integración laboral PEL-Concellos Reactiva 2021
Contratos
Redacción WEB
Casa Consistorial da Laracha. Foto: Arquivo.

A Laracha. Esta mañá celebrouse unha nova Xunta de Goberno Local na cal foi adxudicado a Osventos Innovación en Servizos S.L. o novo contrato de asesoría xurídica do Centro de Información ás Mulleres (CIM). A duración do mesmo é por catro anos (dous prorrogables por outros dous máis) e o orzamento total alcanza os 47.000 euros.

A adxudicataria asumirá durante ese período o labor de asesoramento e información ás mulleres –en especial, ás que se atopan en situación de vulnerabilidade– sobre calquera situación que requira de orientación en materia legal. Está previsto manter o mesmo horario de atención ao público que na actualidade, isto é, os luns e venres pola mañá (de 9:00 a 15:00 horas) e o xoves, pola tarde (16:30 a 20:30 horas).

Ademais, esta asesoría xurídica tamén manterá unha continua colaboración coa dirección do CIM e da concellería de Muller na programación das actividades e eventos que se organicen desde ese departamento.

OUTROS ASUNTOS. Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou a adhesión ao programa de integración laboral PEL-Concellos Reactiva 2021 impulsado pola Deputación da Coruña. O Concello pretende formar unha cuadrilla de obras e servizos municipais composta por trece persoas: nove peóns, dous capataces e dous traballadores para servizos xerais. Entre as súas funcións estarían a realización de traballos para a instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, mantemento de espazos públicos, conservación medioambiental, limpeza viaria, apoio loxístico aos servizos municipais e vixilancia don cumprimento das medidas de prevención ante a covid. A convocatoria iría dirixida a persoas que se atopen en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego e que estean incluídas nalgunha situación de exclusión laboral.

Por outra banda, o Concello larachés concedeu tres licencias urbanísticas, sendo unha delas para a rehabilitación e ampliación dunha vivenda.