Aspaber seguirá a cargo do servizo de limpieza das rúas da Laracha

Servizos municipais
Manuel Lavandeira
No novo contrato incluíuse por primeira vez a limpeza da praia de Caión. Foto: Turismo de Galicia

A Laracha. A xunta de goberno local adxudicou ao centro especial de emprego Aspaber S.L. o novo contrato de limpeza viaria por un período de catro anos prorrogables por outros dous máis. Dáse a circunstancia de que esa é a mesma entidade que viña prestando o servizo nos últimos anos.

Este contrato está valorado nun total de 661.000 euros polos catro anos máis o IVE correspondente. A principal novidade é a inclusión, por primeira vez, da limpeza da praia de Caión. Ademais, como no anterior contrato, contémplase o varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais, baldeo mecánico (limpeza mediante auga a presión), eliminación de herbas no borde da calzada, mantemento de papeleiras e intervencións especiais (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc).

A contratación foi dirixida exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.

O goberno larachés tamén acordou modificar o contrato en vigor referido á limpeza de edificios e instalacións municipais para incluír no mesmo o centro comunitario de Caión recentemente inaugurado. O cambio contempla o incremento no número total de horas do servizo e a correspondente compensación económica á empresa concesionaria.