Aspaber seguirá limpando a rede viaria larachesa

Servizos municipais
Manuel Lavandeira
Dolores Fernández, segunda pola esquerda, e José Manuel López, no centro, firmando o novo contrato. Foto: C. Laracha

A Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do centro especial de emprego da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Dolores Fernández, formalizaron o novo contrato do servizo de limpeza viaria no termo municipal. Por primeira vez inclúese a limpeza das praias de Caión.

Ademais contémplase o varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais, baldeo mecánico, eliminación de herbas no borde da calzada e nas beirarrúas, mantemento de papeleiras e intervencións especiais en momentos puntuais do ano (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc).

Este contrato ten unha duración de catro anos prorrogables por outros dous e está valorado nun total de 661.000 euros máis o IVE correspondente. Cabe lembrar que o procedemento de contratación fora dirixido exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.