Avanzan as melloras na pista polideportiva larachesa de O Vilar

A intervención corre a cargo do alumnado de pintura industrial formado no obradoiro de emprego
Obras
Redacción WEB
Repintado da superficie da pista de xogo de O Vilar realizado polo alumnado do obradoiro de emprego A Laracha V. Foto: C. da Laracha.

A Laracha. O obradoiro de emprego A Laracha V finalizará o vindeiro día 4 de decembro polo que o alumnado traballador das dúas especialidades está a rematar as últimas intervencións previstas. Os centrados na especialidade de carpintería de madeira continúan traballando na renovación da pasarela do paseo fluvial do Anllóns e os de pintura industrial centran a súa actividade na pista polideportiva de O Vilar, na parroquia de Cabovilaño.

Aproveitando as condicións meteorolóxicas favorables, hoxe avanzaron no repintado con cor verde de toda a superficie da pista, que é o paso previo ao marcado dos diferentes campos de xogo. Previamente xa realizaran a completa limpeza da mesma e a mellora dos equipamentos (canastras e porterías) e do peche perimetral de malla.

A maiores tamén está rematado o repintado do interior e das fachadas exteriores do edificio dos vestiarios anexo ás pistas.

Con esta ampla intervención o Concello pretende potenciar o uso desta infraestrutura municipal para incentivar a práctica da actividade deportiva especialmente entre a xente xoven.