Avanzan as obras de ampliación do cemiterio municipal de Carballo

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
O concelleiro de Obras, Luis Lamas, esquerda, e o alcalde, Evencio Ferrero, supervisando a ampliación do cemiterio. Foto: C. C.

As obras de ampliación do cemiterio municipal de Carballo avanzan nos terreos anexos adquiridos polo Concello, aínda que os problemas de desabastecemento que teñen en vilo ao sector da construción a nivel estatal tamén están a perxudicar as obras debido aos retrasos no subministro de materiais.

Nesta primeira fase, que está a executar a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 647.000 euros procedente do remanente de tesourería do ano 2019, está prevista a construción de 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo, que se seguirá desenvolvendo nos vindeiros anos para dar resposta á gran demanda existente, inclúe nove bloques de niños -dous deles dando continuidade a panteóns xa existentes e o resto, coma bloques illados_ e cinco de columbarios. Tanto nun caso coma noutro, a disposición dos nichos será en catro alturas e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo actual. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.

Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha visita ao cemiterio municipal dentro do programa de seguimento das obras de ampliación que se están a levar a cabo, pero tamén para comprobar a posta a punto do camposanto de cara á inminente celebración de Defuntos, que concentra a maior afluencia de visitantes do ano. Aínda que o mantemento do cemiterio é permanente, este ano deuse un paso máis co pintado dos panteóns para seguir dignificando o espazo.