Axober mediará para casar oferta e demanda laboral en Bergantiños

A Asociación de Xoves Empresarios, con 200 afiliados, colaborará coa Xunta para darlle resposta ás vacantes do mercado do traballo
Emprego
Redacción
sinatura. María Jesús Lorenzana e Isidro Varela, tras a sinatura do protocolo. Foto: Xunta

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou este xoves co presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela, o protocolo de adhesión ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo de Emprego de Galicia. A Xunta e a entidade empresarial (da que forman parte 200 firmas) comprométense a traballar da man para dar resposta ás vacantes do mercado de traballo, casando oferta e demanda.

“Trátase de xeito efectivo de conectar a oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que os demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional”, sinalou Lorenzana.

O acordo permitirá achegar ofertas de traballo ao Servizo de Emprego de Galicia por parte de Axober e dos seus afiliados e potenciar o papel de intermediación laboral das oficinas de emprego.

Lorenzana lembrou que a Xunta ten en marcha políticas eficaces para mellorar a formación para o emprego da poboación galega e incentivar a súa contratación e o emprendemento. Neste senso, está en marcha a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que supón un impulso pioneiro na cualificación das galegas e galegos.

“É un gran pacto polas capacidades das persoas traballadoras a través da colaboración público-privada na creación dunha contorna de aprendizaxe permanente, na que actualizar competencias profesionais das persoas traballadoras en función das novas tendencias e necesidades do mercado laboral”, dixo.

Ademais, estase tamén a traballar na mellora da colocación, a través do sistema de orientación laboral ao que se está incorporando o novo persoal, 136 novas traballadoras e traballadores na rede de oficinas de emprego de Galicia. Na provincia da Coruña, incorporaranse preto de 50 orientadoras e orientadores, dos que 3 prestarán servizo na oficina de Carballo.

Así mesmo, a Xunta está a despregar por toda a xeografía galega a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, centros de referencia onde se localizan as actividades onde hai oportunidades de negocio na contorna, ao tempo que se apoia o proceso de posta en marcha da idea empresarial, de principio a fin. O de Coristanco, o primeiro en operar na Coruña, presta servizo e apoio dende 2022 aos 29 concellos de Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros-Noia, Terra de Soneira e Xallas.