Axober sumouse á Mesa Local de Comercio de Carballo

Comercio local
Manuel Lavandeira
Xuntanza da Mesa Local de Comercio de Carballo. Foto: Concello de Carballo

A Mesa Local de Comercio de Carballo, constituída hai 10 anos, celebrou este xoves a súa xuntanza anual coa participación, por vez primeira, de Axober. O tema central da convocatoria foi a aprobación do calendario de actividades do CCA para este ano 2021, que saíu adiante por unanimidade. Carmen Freire realizou unha exposición das propostas, moitas delas xa desenvolvidas, e mostrou a intención da entidade de realizalas na súa integridade.

Entre as iniciativas figuran as rebaixas de inverno, o Día de San Valentín, a Semana das Oportunidades, as campañas do Día do Pai e da Nai, o concurso O Prezo Xusto, a difusión, apoio e reparto de material das campañas da Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, iniciativas de imaxe a través das redes sociais, a campaña de primavera Que rule, que rule!, a campaña de volta ao cole, o Mercadillo, o Black Fridady, a Campaña de Nadal, o mantemento e substitución de sinaléctica e bolsas corporativas, ademais doutras.

Á xuntanza asistiron tamén as concelleiras Milagros Lantes, en representación do grupo municipal do BNG, e Paula Nogueira, do PP. Por parte do Centro Comercial Aberto participou Carmen Freire; pola Asociación de Comerciantes, Hostaleiros/as e Profesionais do Barrio da Milagrosa, José Manuel Mancebo, e por Axober Julia Rodríguez. O funcionario Vítor Recarei exerceu coma secretario.