Desactivada a prealerta por risco de inundacións en Carballo

Temporal
Manuel Lavandeira
Desbordamento do río Anllóns ao seu paso por Carballo. Foto: Concello de Carballo

Carballo. Despois de tres días de incerteza, a situación do río Anllóns tende a estabilizarse, polo que o Concello de Carballo decidiu desactivar a prealerta por risco de inundacións. A decisión municipal coincide coa comunicación da Xunta na que se dá por finalizado o episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos costeiros de nivel laranxa, e establécese o nivel verde.

Aínda así, dende os servizos de emerxencias municipais recoméndase á veciñanza que se manteñan as medidas de precaución tanto nas beiras dos ríos coma no litoral, xa que a situación non está normalizada e o nivel do Anllóns continúa alto e moitos dos treitos habilitados para o paseo mantéñense intransitables. Nese sentido, as recomendacións seguen sendo as mesmas: evitar achegarse ás marxes dos ríos e manter a vixilancia nas vivendas situadas a menos de 50 metros das canles fluviais.

Ante calquera incidencia está a disposición da cidadanía o teléfono de emerxencias 112.