Cabana acolle de xaneiro a xuño a sexta edición do coworking

Estímase que poderán participar uns vinte emprendedores neste programa 2WORK
Emprendemento
Manuel Lavandeira
Acto de presentación dun dos coworkings celebrados en anos anteriores en Cabana. Foto: Xunta

Cabana. A sexta edición do programa 2WORK na Costa da Morte, cuxa sede se sitúa en Cabana de Bergantiños, comezará a súa actividade a partir de xaneiro e concluirá no mes de xuño de 2022.

Trátase dun proxecto posto en marcha pola Vicepresidencia Segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Escola de Organización Industrial (EOI) en colaboración co Concello.

A convocatoria permanece aberta para persoas emprendedoras cun proxecto empresarial en fase de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente. Estímase en vinte o número de emprendedores que poderán participar nesta edición.

Entre as actividades das que dispoñerán as persoas participantes están obradoiros, sesións de formación grupal, mentorización e outros eventos cos que poder poñer en común os seus proxectos e incrementar as súas posibilidades de éxito laboral.

As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición a través da ligazón https://bit.ly/3mLWhaL. Para máis información tamén está dispoñible o correo electrónico cwcabana@eoi.es.

Hai que subliñar que, xunto co de Cabana, a Xunta tamén lanzará outros dous novos coworkings na provincia da Coruña para dar continuidade ao traballo xa feito e que permitiu impulsar 160 iniciativas emprendedoras, segundo a Administración autonómica. Os outros dous poranse en marcha nas cidades de Santiago e Ferrol. J. L.