Cabana convida ós veciños a participar no plan para rehabilitar A Casa dos Títeres

Centros educativos
Manuel Lavandeira
Imaxe do anteproxecto de rehabilitación da escola infantil municipal. Foto: Concello de Cabana

O Concello de Cabana acaba de abrir un proceso de participación cidadá para elaborar un proxecto de rehabilitación sostible da escola infantil municipal A Casa dos Títeres. Todas as persoas ou entidades que queiran participar na iniciativa poden trasladar as súas aportacións a través do formulario en liña: https://bit.ly/3K6szpK.

Para realizar aportacións deberanse ter en conta unha serie de criterios relacionados coa eficiencia enerxética, a accesibilidade, habitabilidade e seguridade das instalacións, así como a propia conservación do edificio. Entre as características das contribucións deben figurar propostas de mellora da eficiencia das instalacións térmicas, da instalación eléctrica, do sistema de calefacción, produción de auga quente, sanitaria e ventilación, así como o uso de enerxías renovables e da envolvente térmica.

Desde o goberno local explican que o obxectivo da iniciativa pasa por “poñer en valor a opinión das persoas usuarias e reformar as instalacións actuais para que ofrezan un servizo adaptado ás súas necesidades en consonancia cos criterios de eficiencia enerxética”.