Carballo acollerá un obradoiro de cociña do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Forma parte do proxecto “People & Planet: un destino común” e promove estilos de vida máis saudables
Cambio climático
Redacción WEB
Participantes na Asamblea Xeral do Fondo Galego celebrada o venres virtualmente. Foto: C. de Carballo.

Carballo. Advertir sobre as graves consecuencias do cambio climático é o obxectivo do proxecto “People & Planet: un destino común”, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no marco da Axenda 2030. Este programa ofrece organizar numerosas actividades aos 99 concellos e tres deputacións que forman parte da entidade.

Baixo o nome de “Cambio climático no prato”, o Fondo Galego realizará un total de 12 obradoiros de cociña en diferentes municipios galegos como é o caso de Carballo. Segundo explican dende a organización, “con esta formación poderanse tomar medidas máis acertadas sobre a saúde das persoas e do planeta. Ademais, empregaranse produtos de proximidade promovendo así a reflexión sobre o consumo enerxético, a pegada hídrica ou a economía local”.

A concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures participou o pasado venres na asemblea xeral do Fondo Galego e indicou que o obradoiro promoverá estilos de vida máis saudables.