Carballo ampliará a rede de puntos de recollida de pilas

Implicará a empresas e outras entidades para que se fagan establecementos colaboradores
Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
Cartel que exhibirán as empresas e entidades que se integren na rede. Foto: Concello de Carballo

O Concello de Carballo recolle cada unha media de 900 quilos de pilas a través dos colectores que ten distribuídos pola zona urbana, fundamentalmente en edificios municipais, centros educativos e establecementos comerciais, así coma nos minipuntos limpos. Co afán de seguir mellorando a xestión dun residuo que é altamente contaminante, ademais de estender o servizo ás parroquias mediante a instalación de colectores nos centros sociais, animan a participar tanto a empresas coma a entidades de calquera punto do concello para seguir ampliando a rede de puntos de recollida de pilas.

Sumarse á campaña medioambiental é moi doado. Os titulares de negocios deben chamar ao número de teléfono 981 754 917, e a empresa concesionario do servizo de recollida e xestión de residuos facilitaralles un colector de balde. A partir de agora, os locais participantes estarán identificados cun cartel, e calquera persoa poderá depositar as pilas nos establecementos colaboradores.

Cando os colectores están cheos só hai que chamar ao número de teléfono que figura na tapa, e a concesionaria do servizo encargarase de pasar a baleiralos. As pilas recollidas son transportadas por un xestor autorizado a unha planta de reciclaxe, onde se separan os materiais perigosos do resto dos compoñentes.

“Xunto á colaboración das empresas e entidades locais resulta fundamental a implicación da veciñanza, pois unha soa pila pode contaminar miles de litros de auga”, advirten dende o Concello.