Carballo ilumínase co lume de máis de 700 cachelas na noite meiga do San Xoán

San Xoán 2022
Manuel Lavandeira
Álex Ávila, á esquerda, durante o seu pregón, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, no centro, e o presidente da comisión de festas de San Xoán, Sergio Varela. Foto: Concello de Carballo

Bergantiños. A Policía Local de Carballo recibiu este ano máis de 700 comunicacións previas para a celebración de cachelas en espazos privados e para a instalación de barbacoas e similares na rúa. No que se refire á hostalería, os establecementos quedan dispensados ata o día 30 da prohibición de facer grelladas na vía pública.

O lume purificador chega despois dun multitudinario pregón do San Xoán. O neonatólogo carballés e director do Hospital Materno Infantil da Coruña Álex Ávila xuntou a máis de medio milleiro de carballeses e carballesas, que ateigaron a planta alta do mercado. “Sempre me sentín e me sinto moi querido en Carballo”, afirmou. O alcalde, Evencio Ferrero, agasallouno cunha figura do Carballo de Sargadelos, e o presidente da comisión de festas, Sergio Varela, fíxolle entrega dunha caricatura realizada por Mon Lendoiro. A música púxoa a Big Band do Conservatorio Profesional de Música, dirixida por Javier Bardanca. M. L.