Carballo involucra á rapazada na promoción do Día do Mercado

Nenos e nenas participaron nun obradoiro de cociña no que elaboraron menús saudables con produtos de proximidade
Campaña
Manuel Lavandeira
Participantes no obradoiro de cociña saudable impartido no Mercado Municipal de Carballo. Foto: C. Carballo

Carballo participou, un ano máis, na campaña internacional Quere o teu mercado, coa que se pretende apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, fomentando así a compra do produto local e a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

Ademais do reparto do material promocional, a Concellaría de Feiras e Mercados, que preside Maruxa Suárez, complementou a celebración cun obradoiro de cociña saudable para a rapazada no propio Mercado Municipal. Participaron nenos e nenas de 6 a 10 anos, que se encargaron de elaborar e degustar menús saudables preparados con produtos de proximidades que se poden mercar na praza de abastos carballesa.

Despois de dous anos, a asociación WUWM (World Union of Wholesale Markets) recuperou esta iniciativa, que se desenvolve arredor do 27 de maio, Día do Mercado, e que en Galicia está promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta en colaboración cos concellos.