Carballo lembra a Pedro Luis Fernández Pombo no festival de música e baile

Verán Cultural
Manuel Lavandeira
Pedro Luis Fernández Pombo. Foto: Concello de Carballo

Carballo. A Praza do Concello de Carballo acolle este venres, día 26, o Festival de Música e Baile Tradicional para pechar o Verán Cultural. Será nesta ocasión un acto de lembranza a Pedro Luis Fernández Pombo, carballés, gaiteiro e amante da música tradicional falecido a principios deste ano.

Acollerá unha variada mostra do folclore local a través das actuacións da Banda Municipal de Gaitas, os grupos de música e baile tradicional da Asociación Cultural Nemeth e Arume de Verdillo, e o Coro Aires de Bergantiños.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fará entrega dun Carballo de Sargadelos á familia de Pedro Luís Fernández Pombo, lembrando e agradecendo a súa implicación e contribución á música tradicional, unha afección que practicou durante toda a súa vida, “así coma a súa contribución xenerosa á cultura de Carballo”.

Xa desde moi novo, Pedro Luis Fernández formouse como gaiteiro no Centro Cultural Alfredo Brañas, sendo despois membro do seu grupo de gaitas e tamén da Asociación Cultural Nemeth, así como doutras agrupacións carballesas coas que colaborou. Foi integrante tamén do Grupo de Cámara de Verdillo, no que tocaba o whistle, a guitarra e o laúde, e tamén do Coro Aires de Bergantiños, que presidiu desde o ano 1999.

Avogado de profesión e exconcelleiro da corporación, participou activamente na vida cultural e social de Carballo a través de entidades como o Padroado Fogar de Bergantiños, a Asociación Antidroga Vieiro, a Asociación Deportiva Fogar da Xuventude ou a parroquia de San Xoán Bautista.