Carballo limita a vinte quilómetros hora a velocidade en áreas escolares

Tráfico
Manuel Lavandeira
O alcalde, á dereita, e o concelleiro de Mobilidade, supervisando os topes colocadas na rúa Vila de Ordes. Foto: C. C.

Carballo. A mellora da seguridade é unha prioridade para o Concello de Carballo e, despois das importantes actuacións urbanísticas levadas a cabo nos ámbitos do CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas, o CEIP Xesús San Luís Romero e o CEIP Plurilingüe A Cristina, a Concellaría de Mobilidade decidiu renovar a sinalización e limitar a 20 km/hora a velocidade nas zonas escolares.

Ademais, veñen de implementar outras medidas como a colocación de topes de caucho nas prazas de aparcamento da rúa Vila de Ordes, xunto ao CEIP Fogar, evitando así que os vehículos invadan as beirarrúas. Esta semana, ademais, o Concello impulsou os primeiros proxectos de urbanismo táctico, unha fórmula de transformación urbana que, mediante a utilización de elementos de mobiliario urbano e pintura, basicamente, permite mudar o espazo urbano.

Con este sistema, se a actuación realizada funciona pode facerse permanente, mentres que se é preciso realizar cambios permite axustar o proxecto dun xeito sinxelo e económico. A primeira intervención de urbanismo táctico estase a desenvolver estes días na zona do IES Isidro Parga Pondal, na que, a proposta do centro, por unha parte realízase unha reordenación dos aparcamentos e, por outra, delimítase unha senda peonil dende a ponte ata o instituto, pola marxe dereita da rúa.

A vindeira semana está previsto actuar tamén na contorna do CEIP Bergantiños. Xa dende principios de curso, atendendo as demandas do propio colexio, a rúa Ramón Cabanillas está pechada ao tráfico durante as horas de entrada e saída, o que contribuíu a reducir o tráfico rodado e á conseguinte mellora da seguridade. Esa medida complementarase agora co aproveitamento de novos espazos para uso peonil tanto na zona de acceso ao colexio coma na do parque infantil.