Carballo presta asesoramento técnico a varios concellos sobre xestión de residuos

Persoal municipal desprazouse este mércores ata Oroso para analizar a xestión da materia orgánica
Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
Persoal municipal de Carballo visitou Oroso para analizar a xestión da materia orgánica. Foto: C. Carballo

Carballo é un concello de referencia en toda Galicia en materia de xestión dos residuos sólidos urbanos, e moi especialmente na compostaxe. Despois da visita que realizaron o mes pasado á capital de Bergantiños o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, e outros membros do seu equipo de goberno, este mércores desprazouse ata Oroso o asesor técnico de Medio Ambiente do Concello de Carballo, Santiago Andrade, para analizar a xestión da materia orgánica nese concello de cara á posible posta en marcha dun programa de compostaxe.

En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos, e establece un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos, a partir deste ano para concellos con máis de 5.000 habitantes, e a partir do 2024, para todos os demais, o que obriga a todos os gobernos municipais a adoptar plans de xestión como o que ten implantado Carballo, que foi pioneiro.

Dende a capital de Bergantiños tense prestado asesoramento técnico a varios concellos galegos, como Barreiros, Cedeira, Ponteareas, O Rosal ou Tomiño. “E tamén atenderemos a petición de apoio realizada polo Concello de Santiago de Compostela, así como de calquera outro que o solicite”, afirman dende o goberno local.