Carballo reciclou o pasado ano dezaoito toneladas de aceite

Evitouse así a contaminación de vinte millóns de litros de auga // Hai trinta puntos de recollida
Residuos
Manuel Lavandeira
O último colector de aceite de cociña usado, á esquerda, foi instalado na parroquia de Sofán. Foto: Concello de Carballo

Os carballeses e carballesas seguen reforzando o seu compromiso co medio ambiente e a reciclaxe de residuos xerados nos seus fogares. Así o reflexan os rexistros do servizo de recollida de aceite de cociña usado, implantado en agosto de 2018.

Dende entón, a media mensual non parou de medrar, e sitúase nestes momentos nos 1.317 quilos, segundo os datos facilitados ao Concello pola empresa xestora autorizada que presta o servizo.

No recén rematado ano 2020, a veciñanza de Carballo depositou nos colectores específicos un total de 18.303 quilos de aceite, “o que permitiu evitar a contaminación de 20.133.300 litros de auga”, segundo sinalan.

Actualmente, no concello de Carballo hai trinta puntos de recollida, a maior parte distribuidos polos distintos barrios do casco urbano. Non obstante, segue a estenderse polas parroquias a experiencia piloto iniciada en Razo, Pedra do Sal e Berdillo, e nestes momentos tamén hai colectores na Feira de Berdillo-Artes, Imende-Noicela, Xoane-Goiáns, Sísamo e Sofán, dando así resposta á demanda dos propios veciños, indican fontes municipais.

Unha das vantaxes deste novo sistema, engaden, “é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día”.

A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. A utilización é moi desigual duns puntos a outros. Os máis utilizados na zona urbana son os situados xunto a supermercados e ao Mercado Municipal. Na zona rural, pola súa banda, o que máis uso ten é o de Berdillo.

Para facilitar o depósito do aceite, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas. Os interesados poden solicitalos, de balde e ata fin de existencias, no departamento de Medio Ambiente, nas oficinas municipais do Concello.