Carballo traballa no acondicionamento de catro vías da zona rural

Forman parte do plan de aglomerado de estradas estruturantes que unen parroquias
Infraestruturas
Manuel Lavandeira
O alcalde, Evencio Ferrero, esquerda, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, supervisando a estrada de Goiáns. Foto: Concello de Carballo

Carballo. O Concello carballés ten en marcha catro proxectos de mellora de vías que están consideradas estruturantes porque unen parroquias ou núcleos rurais importantes. Están incluídas no plan de aglomerados, e o investimento ascende a un total de 786.630,69 euros.

Os traballos executaranse nas vías de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña), de Paradela a Prearada (Sofán), de Xoane a Piñeiro (Goiáns) e na de A Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces).

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, percorreron os máis de tres quilómetros da nova pista de Paradela a Prearada, que xa está rematada, só pendente do pintado das marcas viarias. O ancho medio sitúase nos cinco metros e medio, o que supón unha ampliación de ata un metro nalgúns puntos.

Tamén se achegaron ata a parroquia de Goiáns, onde se está procedendo ao aglomerado e queda pendente o pintado das marcas viarias. Nos vindeiros días, a empresa Vázquez y Reino acometerá tamén o aglomerado da vía de Xamozo a Santa María.

En canto á estrada da Canosa a Pereiro Vello, o pasado día 14 rematou o prazo para que as empresas interesadas presentasen as súas ofertas, e agora están en fase de valoración por parte da mesa de contratación. M. LAVANDEIRA