Carreira pola paz e solidaria nas rúas da vila de Caión

Solidariedade
Manuel Lavandeira
Circuito polas rúas de Caión polo que discorrerá a carreira dos escolares. Foto: CEIP Caión

A Laracha. Os escolares do CEIP de Caión (A Laracha) participan este venres, día 18, na segunda Carreira Solidaria pola Paz que organiza o propio centro educativo, que doará o recaudado aos damnificados polo conflito de Ucraína, segundo informa o seu director, José Roca.

O alumnado depositará nunha urna solidaria as súas doazóns antes de saír a correr polas rúas da vila. Os primeiros en partir serán os alumnos e alumnas de Infantil 1 (10.20 horas) e dez minutos despois farano os de Infantil 2. Darán unha volta ao circuito deseñado para a ocasión.

Os de 1º e 2º de Primaria darán dúas voltas e correrán ás 10.40 horas; os de 3º e 4º terán que completar tres voltas (10.50 h.); e os de 5º e 6º catro (11.05 h.). A partir das 11.20 farase entrega dos premios e os participantes fotografiaranse co donativo recadado.

A recadación será ingresada na conta da ONG Cruz Roja Española, que está a traballar na fronteira de Ucraína “e nos teñen informado de que a aportación en metálico é a forma máis rápida e efectiva de axudar a salvar vidas e reconstruír comunidades destrozadas”, sinala o director. Estas doazóns, engade, “faran as veces de patrocinio para que as nosas crianzas corran con maior énfasis”. M. l.