Ceden material de rescate de mamíferos mariños a Protección Civil da Laracha

Mar
Manuel Lavandeira
J. M. López, á dereita, María Becerra, Ramón Martínez, Pablo Cambón e un voluntario amosando os carteis e a padiola.

Bergantiños. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) entregou á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha unha padiola para a evacuación de cetáceos e carteis informativos sobre as candorcas ibéricas, especie mariña que habita no océano Atlántico. O material foi achegado por María Becerra, voluntaria da citada ONG, que foi recibida no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, os edís José Ramón Martínez Barbeito e Pablo Cambón e varios voluntarios.

En novembro a Cemma impartira na praia de Caión un obradoiro no que se levaron a cabo simulacros de rescate de tartarugas e de mamíferos mariños e no que participaran tanto voluntarios de Protección Civil como veciños en xeral. Naquel momento recibiran formación relativa ao que se debe facer no caso de atopar un animal desas características no areal para ofrecerlle os primeiros auxilios e a asistencia oportuna para aumentar as súas posibilidades de supervivencia.

Agora, coa dispoñibilidade do material cedido facilitarase a realización das intervencións oportunas ante unha situación desas características. Un paso máis para que, entre todos, se brinde a protección debida a estas especies mariñas. M. L.