Chamamento para evitar a basuraleza nas praias na noite de San Xoán

Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
A conselleira e o alcalde, no centro, no areal de Caión. Foto: X.

A Laracha. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo un chamamento á cidadanía dende Caión para manter as praias libres de basuraleza na noite de San Xoán. Durante unha visita ao areal da localidade, acompañada do alcalde, José Manuel López, e do delegado en Galicia de Ecoembes, Bruno de Llano, a conselleira incidiu na importancia de “gozar da noite de San Xoán sen deixar pegadas” e garantir, deste xeito, a boa conservación dos nosos areais.

“Non debemos deixar atrás os residuos que xeremos, senón que temos que depositar cada un no contedor correspondente”, asevereu. Os tres obxectivos a perseguir son protexer a biodiversidade, os recursos hídricos e o solo; sensibilizar aos participantes nestas celebracións, e evitar a produción de residuos e reutilizar ou reciclar o lixo xerado.

Nesa liña, salientou a actividade 1m2 contra a basuraleza do Proxecto Libera de SEO/Birdilife, en alianza con Ecoembes, co que a Xunta colabora desde hai máis de cinco anos. De feito, vén de celebrarse a sexta edición desta recollida colaborativa cidadá, que ten como obxectivo concienciar sobre o impacto ambiental da basuraleza e amosar o compromiso da sociedade coa protección e preservación do medio ambiente. En Galicia, a iniciativa desenvolveuse en corenta e catro espazos naturais, nos que preto de 900 participantes retiraron 339 quilos de basuraleza.

Durante esta actividade os residuos máis atopados foron cabichas, seguidas dunha gran cantidade de bolsas, envoltorios de comida e outros obxectos como máscaras, toallas hixiénicas e pneumáticos, que causan un grande impacto no medio natural, o que fai fundamental este tipo de campañas de concienciación e sensibilización cidadá. Cómpre salientar que a Xunta se sumou no 2017 por primeira vez ao proxecto Libera. Desde ese momento, o Goberno galego por medio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoia e dá difusión ás sucesivas campañas de limpeza que se realizan cada ano na nosa Comunidade.