Cinco coreografías na dezanove Primavera en Danza de Carballo

Poderán verse en vivo no Pazo da Cultura do 9 ao 22 de abril // Tamén se retransmitirán en streaming a través das redes sociais do concello
Danza
Manuel Lavandeira
‘Mocap’, de Matías Daporta, xurdeu nunha residencia artística en Carballo. Foto: Xunta

O Pazo da Cultura de Carballo acollerá do 9 ao 22 de abril a dezanove edición da Primavera en Danza, que ofrecerá cinco propostas coreográficas, das que catro son galegas e forman parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Abrirá o ciclo Kirenia Danza co espectáculo Emigrantas, o venres, día 9 ás 20.00 horas. Unha coreografía que fora estreada antes da pandemia en Londres e Madrid e que agora “toma un nuevo sentido” e faise eco "de una nueva emigración”, segundo explicou Kirenia Martínez na presentación da cita.

O día 16 Marta Alonso Tejada subirá ao escenario para presentar Bailar agora, unha historia autobiográfica que, segundo a protagonista, aborda “os soños de todas as persoas”. Anuncia ademais “moitas sorpresas” a quenes asistan á función.

Dous días despois, o domingo 18, Paula Quintas-Traspediante presentará Nina Ninette, un espectáculo familiar recén estreado que xurdiu dende a estética do ballet triádico. E o xoves, día 22, terá lugar a estrea de Mocapa, de Matías Daporta, un proxecto que comezou durante unha residencia artística en Carballo e que se veu “resignificado” coa pandemia.

A Primavera en Danza rematará o día 23 co espectáculo After the party da compañía catalana Thomas Noone Dance. As entradas xa se poden mercar de xeito anticipado a través de www.ataquilla.com, e os prezos oscilan entre 2 e 4 euros.

Este ciclo “é un dos poucos que hai en Galicia”, segundo salientou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quen anunciou que se complementará cunha residencia artística. Jacobo Sutil, director do Agadic, e o alcalde, Evencio Ferrero, pecharon a presentación destacando a “sensibilidade especial” de Carballo coa danza. “É un exemplo que sempre poñemos, porque non hai moitos concellos que o fagan, e iso é algo que queremos cambiar”, dixo Sutil.

O rexedor afirmou que “está ben ser exemplo, pero o mellor é que estas iniciativas sexan compartidas”.