O ciclo Amal en Ruta traerá cinco películas á capital de Bergantiños do 30 de abril ao 28 de maio // Son historias femininas, de humor e reivindicación social // As entradas son gratuítas pero hai que reservar praza

Cinema euroárabe para romper cos estereotipos e abrir mentes en Carballo

Cinema
Manuel Lavandeira
Fotograma de ‘Papicha’, que se proxectará o día 28 de maio.

Achegar a sociedade árabe a Galicia, romper cos estereotipos e ofrecer unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea é o obxectivo do ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta Carballo 2021, que se desenvolverá do 30 de abril ao 28 de maio no Pazo da Cultura da capital de Bergantiños. É un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela en outubro. Así o subliñou o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, na presentación, na que participaron tamén o alcalde carballés, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo.

Esta edición conta cunha programación de cinco películas que encarnan o mellor do cinema árabe do último ano e engloban dúas claves: as historias femininas e o humor. Ghaleb Jaber resaltou ademais que ofrecen “unha mirada moi vinculada á denuncia social”. O ciclo consta de tres ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–. O acceso ás proxeccións, que terán lugar ás 20.00 horas, é libre e gratuíto, pero debido ás restricións sanitarias o aforo está limitado a 70 persoas, polo que os interesados deben solicitar previamente a súa entrada enviando un correo electrónico a culturaentradas@carballo.gal (indicando nome, apelidos e número de teléfono).

Os espectadores poderán ver a película Adam (venres, 30 de abril), unha historia de superación dunha muller na que se aprecia como a comunidade serve de escudo protector; o documental The Cave (venres, 7 de maio), que narra a historia dun grupo de mulleres médicas no conflito sirio; o documental Gaza (venres, 14 de maio), que retrata a vida cotiá dos cidadáns na Fronte de Gaza; a ficción It must be heaven (venres, 21 de maio), cinta palestina dirixida por Elia Suleiman que, segundo Jaber Martínez, é un dos máximos expoñentes do cinema palestino; e a longametraxe de ficción Papicha (venres, 28 de maio), coa que se pechará o ciclo, e que ofrece unha visión amarga pero estimulante do papel da muller no mundo contemporáneo nun país árabe, así como a loita do colectivo feminino.

Ghaleb Jaber agradeceu “a aposta do Concello de Carballo polo ciclo Amal en Ruta e pola cultura en xeral, sobre todo nesta época de pandemia, na que moitas veces se deixan de lado as iniciativas culturais”. Dende o seu punto de vista, do mesmo xeito que é preciso que chegue a todo o mundo e o antes posible a vacina contra o coronavirus, “porque todos somos vítimas da mesma pandemia, é preciso loitar contra outras como o extremismo ou a intolerancia", afirmou. “A cultura -dixo nese sentido- é unha vacina moi efectiva, e que está a disposición de todos, para loitar contra a intolerancia”.

IMAXES IMBORRABLES. O alcalde agradeceu á Fundación Araguaney que conte con Carballo e asegurou que nestes momentos o ciclo Amal en Ruta xa é “unha necesidade, a necesidade de ter a mente aberta ante realidades que parecen lonxanas pero que xa forman parte da nosa sociedade”. Destacou que a cultura debe estar presente “no día a día, e ese día a día ten que seguir formándonos como persoas”.

Ferrero amosou a súa confianza en que o bo facer da fundación “fará que algunhas das imaxes que poidamos ver estas semanas na nosa vila sexan igual de imborrables que as doutras películas que xa vimos en edicións pasadas deste ciclo”.

areadecompostela@elcorreogallego.es