Coidado medioambiental e arqueolóxico no campo de voluntariado de Montes Claros

Voluntariado
Manuel Lavandeira
Cristina Pichel co alcalde larachés no castro de Montes Claros. Foto: Xunta

A Laracha. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañou este venres ás mozas e mozos que están a desfrutar das últimas quendas da campaña de verán, nas súas distintas modalidades.

Pola tarde, achegouse ao campo de voluntariado Castro de Montes Claros, na Laracha, na compaña do alcalde, José Manuel López, e de varios concelleiros do grupo de goberno. Este foi unha das trece novidades da oferta que presentou a Xunta este ano. Con este novo escenario foron un total de corenta os espazos que se puxeron á disposición da mocidade segundo indicou.

O campo larachés ten como temática o coidado medioambiental e arqueolóxico na zona dos Montes Claros. As mozas e mozos están aloxados no centro sociocultural de Santa Margarita, antigo hospital de peregrinos.

Pola mañá, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o albergue xuvenil Marina Española que remata o seu calendario de actividades este sábado. Alí destacou unha vez máis a importancia das actividades da campaña de verán “por ser un servizo de conciliación fundamental para as familias, por xerar emprego nun sector como o do tempo libre e por permitirlle aos rapaces aprender, facer novas amizades e coñecer diferentes zonas da xeografía galega”.

A directora xeral tamén se achegou ao campo de Coirós, onde realizan labores de coidado e preservación medioambiental. M. L.