Comeza a travesía cultural da asociación Insua da Viastela na vila de Corme

Nace co obxectivo de estudar, investigar e divulgar o legado e a trascendencia das viaxes do navegante Francisco Antonio Mourelle de la Rúa
Asociacionismo
Manuel Lavandeira
O escritor Suso Lista, segundo pola dereita, con directivos da nova asociación no acto de presentación. Foto: A.C. Insua de Viastela

A Praza da Ribeira de Corme acolleu o acto de presentación da Asociación Cultural Insua de Viastela, un colectivo que naceu co obxectivo de estudar e investigar a figura do navegante Francisco Antonio Mourelle de la Rúa, divulgar o seu legado e a trascendencia das súas viaxes de exploración polo Pacífico.

O ano pasado celebrouse o bicentenario do seu pasamento e debido as circunstancias da pandemia as actividades previstas aprazáronse ao 2021. Unha parte moi importante do programa de verán terá ó almirante como protagonista, así como a navegación e o mar en xeral.

Trala presentación deron comezo ao referido programa co encontro Mourelle nos Mares do Sur. 271 aniversario do seu nacemento e 241 aniversario da viaxe da Princesa.

O 26 xuño organizarán un novo encontro baixo o título Inicios da navegación científica. Mourelle, Cook, Malaspina, La Perouse e en xullo celebrarán outros tres: Viaxe a Alaska 1775. A Sonora, Viaxe a Alaska 1779. 20 de xullo, o kayak e Batalla de San Vicente. Haberá audicións musicais de Hyden, Beethoven e Mozart, así como roteiros culturais, unhas xornadas literarias baixo o lema Un mar de relatos, e actividades ecolóxicas.

Para agosto programaron un roteiro e unha exposición sobre contaminación lumínica; a xornada Corme, corpo e alma da Costa da Morte, a exposición fotográfica A navegación a vela, un encontro centrado na Historia tráxica de Corme. Os afogados no mar, o roteiro Nomes e lugares de 1936, e a exposición fotográfica Corme na fotografía de Vidal.