Comezaron no dolmen de Dombate as xornadas sobre meteoroloxía e clima

A presentadora da TVG Mabel Montes e o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada protagonizaron, xunto co físico Jorge Mira, a primeira gravación // O contido estará dispoñible para o público na rede a partir do 10 de setembro
Divulgación científica
Manuel Lavandeira
Xosé Luis Penas, esquerda, Jorge Mira, Juan Taboada, Mabel Montes e José Muíño, no dolmen de Dombate. Foto: C. de Cabana

As terceiras xornadas científicas da Luz da Ciencia dende o dolmen de Dombate, Meteoroloxía e clima, xa están en marcha e o contido estará accesible para todo o mundo a través de www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021 e www.cabana.gal/astronomiadombate e das redes sociais de Deputación da Coruña e do Concello de Cabana de Bergantiños a partir do vindeiro 10 de setembro.

Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, explicou como é contar o tempo pola tele a través dunha sesión na que achegou o proceso de divulgación que se realiza desde un gran medio de comunicación autonómico. Pola súa banda, Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afondou nas particularidades climáticas da nosa comunidade. Os dous participaron posteriormente nunha mesa redonda co físico e catedrático da USC Jorge Mira onde debateron como será a información meteorolóxica do futuro.

Na primeira sesión de gravación estiveron presentes tamén o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, e o alcalde de Cabana, José Muíño. Penas explicou que “con estas terceiras aulas científicas seguiremos achegando unha das principais preocupacións do noso mundo actual como é o cambio climático e os efectos que ten na meteoroloxía”. Precisamente, engadiu, “a escolla das temáticas, relacionando o rigor científico con cuestións de actualidade, son un dos motivos polos que estas aulas están resultando un éxito”.

Neste mesmo sentido, o rexedor cabanés insistiu na “importancia da colaboración entre institucións para poder sacar adiante actividades de referencia como estas xornadas científicas, que logo de atravesar unha situación sanitaria complicada, por fin poden acoller público en directo”.