Conferencia-exposición sobre a contaminación luminosa en Corme

Será este sábado, día 21 ás oito do serán na confraría // Está organizada pola Asociación Cultural Insua de Viastela
Divulgación
El Correo Gallego
Na tarde do venres foi presentado o libro de Inma Vilariño. Foto: A. C. Insua de Viastela

O salón de actos da confraría de Corme acollerá este sábado, día 21 ás 20.00 horas, unha conferencia-exposición sobre a contaminación luminosa. Martín Pawley, divulgador científico e membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío será o ponente. A Agrupación Ío ven de recibir o premio Prisma á divulgación científica en 2020 e o Rosalía de Castro en 2021. Participará tamén Alfonso Gómez Cruz, alcalde de Ginebra (Suíza), para presentar o plan Lumiére da referida cidade.

“Coñecer o impacto que causa a iluminación artificial mal planificada sobre a saúde humana, a biodiversidade e o patrimonio cultural é fundamental para mitigar este problema cara o futuro”, afirman dende a Asociación Cultura Insua de Viastela, organizadora do acto. Convidan a que participen os alcaldes e alcaldesas da contorna e tamén a veciñanza.

Na tarde do venres, a Praza da Ribeira de Corme acolleu a presentación da obra O Naranxo no Trasmundo, de Inma Vilariño. A autora estivo acompañada por Suso Lista, escritor e actor; Xosé Manuel Varela, filólogo e profesor; e Rafael Lema, escritor e investigador.