Conferencias, misa e música na trinta Festa do Percebe do Roncudo

O cormelán Jesús Ferreiro, presidente da Fundación Titanic, porá voz aos supervivintes
Gastronomía
Manuel Lavandeira
A degustación dos percebes do Roncudo comezará ás 13.30 horas na zona portuaria de Corme. Foto: Festa do Percebe

Ponteceso. Corme celebrará o 6 de xullo a XXX Festa do Percebe do Roncudo, unha cita na que, ademais de poder degustar os prezados crustáceos, haberá conferencias, actuacións musicais e lanzamento de fogos de artificio para celebrar os trinta anos do encontro gastronómico.

Os actos comezarán ás 12.00 horas cunha misa na igrexa parroquial na honra dos percebeiros e mariñeiros cantada pola coral Brisas do Mar. Na lonxa, o presidente da Fundación Titanic, Jesús Ferreiro, relatará historias de supervivintes no afundimento do Titanic.

A charanga DGT animará os pasarrúas, e ás 13.30 horas inaugurarase oficialmente a festa coa lectura do pregón a cargo de Inocencio Suárez, expatrón maior e promotor da primeira Festa do Percebe; o exalcalde Ramón Saleta, e o xornalista Marcial Mouzo, que foi o primeior pregoeiro. O acto será presentado pola actriz Estíbaliz Veiga.

A partir das 13.30 horas comezarán a servirse os percebes e durante a degustación haberá gardería infantil e inchables para os cativos. A música poñerana a charanga DGT, Judith Cundíns e os dj’s Charlie, Roy, Jossi, Arayse, Marmike, Maiki Rama, Warce, Drew, Iago e a disco móbil Macro Impacto. A festa pecharase ás 23.00 horas co lanzamento de fogos de artificio.

A organización habilitará un servizo de microbús entre as 13.30 e as 19.00 horas da rúa José Tecelán ata O Cairo, así como aparcamentos gratuítos e un servizo de gardas de seguridade e vixiancia. Está prohibido o botellón. M. L.