Control exhaustivo dos corpos de seguridade e emerxencias de Carballo nas celebracións de Defuntos

O acceso aos cemiterios farase en grupos de máximo catro persoas e con visitas reducidas a 30 minutos // A comisión de seguimento da covid-19 do Concello ten previsto volver a reunirse o 16 de novembro
COVID-19
Redacción WEB
Reunión da comisión de seguimento da evolución da covid-19 en Carballo. Foto: Concello de Carballo.

Carballo. A comisión de seguimento da evolución da covid-19 no noso concello celebrou hoxe unha nova xuntanza para abordar, en primeiro lugar, a necesaria colaboración entre corpos de seguridade e emerxencias de cara ás inminentes celebracións de Defuntos. Neste sentido, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil acordaron actuar de forma coordinada para velar polo cumprimento das normas de prevención nas 18 parroquias, polas que se realizarán patrullas itinerantes.

Ao protocolo elaborado nunha recente xuntanza entre concello e parroquia únense as medidas de obrigado cumprimento establecidas posteriormente pola Xunta de Galicia, e que engaden, ademais da redución do aforo, a limitación dos grupos de visitantes a un máximo de catro persoas e reducen a 30 minutos o tempo recomendado de estancia nos camposantos.

No cemiterio de Carballo, o único municipal, habilitarase unha porta de entrada e outra de saída, que estarán debidamente sinalizadas, así coma os percorridos polo interior do recinto. Tamén se incrementará o número de dispensadores de xel hixienizante e colocaranse carteis informativos sobre as medidas de prevención da covid-19, para as que se prega o máximo respecto por parte da veciñanza.

A maiores, recordaron que as tradicionais misas dos días 1 e 2 de novembro non se celebrarán no cemiterio, senón na igrexa municipal. Os horarios serán os habituais: o día 1, ás 17.00 horas, e o día 2, ás 11.00 horas. O aforo da igrexa está limitado ao 50%.

Aínda que á hora na que se celebrou a comisión de seguimento non se coñecían as últimas medidas adoptadas pola Xunta sobre o peche perimetral de varios concellos, os asistentes realizaron unha valoración da situación xeral da pandemia e puxeron sobre a mesa distintas opcións en función da evolución. Por parte do Concello de Carballo, dado que continúan en nivel de alerta 3, decidiuse reforzar as medidas de limpeza e desinfección en edificios e espazos públicos.

Á xuntanza de hoxe asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, os concelleiros Juan Seoane e Luis Lamas, a concelleira Milagros Lantes, o xefe da Policía Local, o coordinador de Protección Civil, o tenente do posto da Garda Civil e o secretario municipal. En principio, salvo que as circunstancias varíen, volverán a reunirse o 16 de novembro.