Corenta casas de Malpica sumaranse ao programa de compostaxe

Técnicos de Sogama van impartir cursos o día 24 de abril para formar aos usuarios
Reciclaxe
Manuel Lavandeira

Malpica. O Concello de Malpica vén de asinar a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de promover a valorización da materia orgánica in situ e recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.

Sogama proporcionou gratuitamente ao Concello 40 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante; un abono de alta calidade con “excelentes propiedades para o solo, xa que, ademais de actuar como nutriente, tamén o protexe fronte a enfermidades e pragas”, sinalan dende a Sociedade Galega do Medio Ambiente.

Dado que a composición media dunha bolsa de lixo tipo está conformada por materia orgánica nun 42%, se esta porcentaxe se recupera nos propios fogares, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma un aforro de custos, tanto ambientais como económicos.

Xunto cos recipientes, Sogama proporcionará ao ente local manuais didácticos de compostaxe doméstica, cuxa función é servir de ferramenta de consulta para os usuarios, que poderán complementar igualmente os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.

Así mesmo, o próximo 24 de abril, técnicos da Sociedade impartirán dous cursos de formación orientados aos veciños participantes nesta iniciativa e nos que explicarán o procedemento a seguir efases da operativa, detallarán o que pode e non pode ser depositado no composteiro e incidirán na importancia que ten o control de parámetros claves para a obtención dun compost que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente, isto é, osíxeno, temperatura e humidade.

O encontro servirá igualmente para que os asistentes poidan disipar dúbidas e trasladar as súas observacións e comentarios. Será o propio Concello o encargado de facer o seguimento do programa.