‘Cores da terra’ en imaxes no centro arqueolóxico do dolmen de Dombate

Exposición
Manuel Lavandeira
Acto inaugural da exposición Cores da terra no dolmen de Dombate. Foto: Deputación da Coruña

O dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) acolle a exposición fotográfica Cores da terra, con autoría do xornalista Santiago Garrido. Poderase contemplar ata final de mes. Ao acto acudiron o propio autor, ademais do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas, e o alcalde, José Muíño. A mostra está composta por imaxes que responden ás cousas de sempre, ás paisaxes tradicionais e solpores que buscan o miúdo e o anónimo.

“O gran de trigo ou de millo, a lavandeira ou a anduriña no niño, a papoula e a margarida, o toxo e xesta. Centos de vidas animais ou vexetais que habitualmente pasan desapercibidas. Cada vez máis, con xente nova que vai perdendo as coordenadas do seu entorno, que si tiña a vella. Tactos, tonalidades, densas e intensas, cambiantes e estacionais. Mínimos impactos visuais que son algunhas das moitas cores da terra. Da nosa”, reflictía o cartaz no acto de presentación.