Costas esixe retirar do paseo de Laxe a oficina de turismo e o quiosco

Política municipal
Manuel Lavandeira
Oficina de turismo municipal de Laxe

Laxe. A Corporación de Laxe aceptou as condicións do Ministerio de Transición Ecolóxica para a cesión de ocupación de dominio público marítimo-terrestre con destino á explotación e conservación do paseo marítimo, o que implica ter que retirar a oficina de turismo, o quiosco e a caseta dos taxistas das súas actuais localizacións.

O alcalde, José Luis Pérez, e o seu grupo de goberno (PP) amosaron a súa indignación porque “ata agora nunca houbo ningún tipo de problemas porque eses elementos estivesen no seu lugar habitual”. Non obstante, tendo en conta que son elementos de fácil desmantelamento, os tres grupos da corporación votaron a favor da proposta, incluído o PP, aínda que consideran que “é inxusto” que lles obriguen a desmantelar estes elementos, polo que dende o Concello solicitarán a Costas que desistan desa petición.

Na sesión tamén se aprobaron, cos votos en contra de PSOE e BNG, os proxectos do POS+ Adicional. M. L.