Críticas contra o plan eólico do Monte Neme

Proxectos
Manuel Lavandeira
Vista do Monte Neme dende a praia de Razo-Baldaio, en Carballo. Foto: A. Petón do Lobo

CARBALLO. Vinte e catro plataformas e entidades de toda Galicia alertan de que “a Xunta prevé converter o Monte Neme nunha estación macroeólica rodeada de labores mineiras sen restaurar”. O proxecto de Enel Green Power contempla catro aeroxeradores de 200 metros de altura que, segundo os referidos colectivos, “afectan directamente a cauces, como a Fonte Seca, orixe do rego Bandeira”. Ademais, din que o propio monte “é un dos 74 xacementos romanos da costa ártabra nunca intervidos desde o punto de vista arqueolóxico”. Ao seu valor patrimonial engaden que “é un excelente mirador ao Atlántico desde onde se observa todo o municipio de Malpica e boa parte do carballés, e incluso se pode ver ata Ferrol”. Por iso, consideran que o impacto paisaxístico “será brutal para unha comarca que vive do turismo. Carballo, que se vende turisticamente como Senda do Mar, xa pode chamarse Senda dos Eólicos”, afirman. M. l.