Críticas do PP carballés pola “inacción” na ampliación do Pazo cultural

Lorenzo acusa ao goberno de Ferrero de incumprir os seus compromisos electorais
Política municipal
Manuel Lavandeira
Pazo da Cultura de Carballo. Foto: Concello de Carballo

Carballo. O portavoz do PP de Carballo, Rubén Lorenzo, critica “a resignación do alcalde, Evencio Ferrero, a súa falta de ambición e a súa inacción na posta en marcha de proxectos prometidos, como a reforma e ampliación do Pazo da Cultura, paralizados a só sete meses da celebración das eleccións municipais”.

Coincidindo co vinte aniversario da infraestructura cultural, Lorenzo denuncia que o alcalde “segue sen comprometer ningunha das actuacións previstas”. Unha vez máis, engade, “dá mostras dun proxecto esgotado, incapaz de levar a cabo a ampliación comprometida e poñendo en risco unha inversión de máis dun millón de euros”.

Recorda que un dos compromisos electorais do BNG de Carballo en 2019 foi precisamente o de dotar ao concello dun novo auditorio con máis capacidade, tanto a nivel de butacas para acoller a máis público como o que respeita a caixa do escenario, “pois o Pazo debido ao éxito do FIOT e logo de vinte anos de uso intenso xa empeza a quedar pequeno”.

Ao comezo do mandato nacionalista, subliña o portavoz popular, o grupo de goberno “vendíanos unha renovación total do Pazo da Cultura e da súa contorna, con actuacións urbanísticas en rúas colindantes, que a día de hoxe segue no caixón”.

Lorenzo resalta ademáis que o Plan Xeral de 2016 establece a apertura da rúa Moreiras, que entroncaría, cruzando o río, coa rúa Vicente Risco, a parte traseira da estación de autobuses, “o que axudaría a evacuar tráfico nesa zona”. “Son compromisos do plan xeral que seguen sen cumprirse por falta de vontade política”, destaca o portavoz popular, que reitera a petición do PP da “apertura da vía de Negreira e da rúa Perú”.

Para Rubén Lorenzo “Carballo merece máis que un goberno esgotado e un alcalde resignado e sen ambición. A vila ten que volver ser o referente que foi na comarca de Bergantiños”. E remata afirmando que “o alcalde tivo tempo suficiente nos seus 20 anos de goberno para adecuar ás necesidades actuais dun dos edificios municipais más importantes da vila e con máis afluencia diaria polas actividades que nel desenvólvense”.