Demandan o amarre da frota pola suba do gasoil

Mar
Manuel Lavandeira
Barcos amarrados no porto de Malpica de Bergantiños. Foto: Concello de Malpica

MALPICA. A confraría de pescadores de Malpica propuxo ás federacións provincial, galega e nacional convocar un “amarre xeral” de toda a frota para protestar ante a alarmante suba do prezo do gasoil. “Nos últimos quince días subiu case un 50 %”, afirma o patrón maior, Pedro Pérez. Cuns prezos que oscilaban ata entón entre 55 e 60 céntimos por litro, “agora pasaron a 1,25 €/l”, o que supón duplicar o gasto xa na arrancada antes de saír ao mar”. A este respecto sinalou que “hai barcos que antes partían cun gasto de 20.000 euros e agora teñen que facer fronte a un custo de 40.000, o que fai inviable saír pescar”. Pérez considera que é necesaria unha “fronte común, na que se involucre non só o sector do mar, senón tamén os transportistas e os agricultores e gandeiros, pois isto aféctanos a todos”. En Camariñas, esta semana varios barcos adicados ao cerco decidiron permanecer no porto e non saíron faenar ante o temor de non cubrir custos. J. M. R.